Friday 10 de May de 2024

Andaina polas terras de Abade


A chegada da primavera marca o reinicio das camiñadas organizadas polo Concello para descubrir o territorio. O tempo vai a mellor, os días son cada vez máis longos e parece que o corpo nos pida andar máis por fóra ou dar longos paseos.

A próxima ruta programada pola área de Deportes percorrerá o sábado 28 de abril a parroquia de Abade. Sairemos do adro da igrexa ás 10.30h. para darmos unha volta duns 7,5 quilómetros pasando por Gundiao, polo Carbeiral e logo -dentro xa de territorio de San Sadurniño- tiraremos polas Loibas e a Cruz da Raíña para volver de novo a Gundiao e, desde alí, encamiñarnos a Valdixe, onde empeza o trazado por pistas forestais que nos levará ao punto de partida.

O itinerario é apto case para calquera idade, xa que ten unha dificultade media-baixa. Desde o Concello recoméndase levar chaleco reflector, calzado cómodo que protexa os nocellos -que non sexa novo-, calcetíns transpirables, algo de beber e, se se quere, froita ou algunha barriña enerxética para matar a “debilidá”. Tamén é moi aconsellable traer vara, bastón ou un caxato para apoiarse durante a marcha.

A actividade é gratuíta, pero fai falla inscrición previa chamando ao 981 404 006 ou mandando un correo a daniel.feijoo@moeche.gal.

Data: sábado 28 de abril
Hora: 10.30 a 13.00h.
Lugar: saída e chegada na igrexa de Abade (7,5 Km.)